Gozar da canle do Mandeo é aventurarse nun extenso corredor verde poboado de bosques de ribeira, con árbores que crecen aproveitando a auga do río. Durante a viaxe o visitante contemplará unha rica flora onde se multiplican salgueiros, ameneiros, bidueiros ou freixos, mesturados con lirios amarelos, fentos ou menta de auga.
A riqueza da fauna do río tamén é singular e merece outra explicación. Debaixo da auga conviven invertebrados acuáticos como moluscos, caracois, insectos ou crustáceos; peixes como a troita, o reo, o salmón ou a anguía e mesmo en certos tramos, algunha que outra londra. En canto ás aves, abunda o merlo acuático acompañado de lavandeiras na procura de insectos.
Esta descrición, que resume o fermoso medio natural da canle, complétase con análises da auga, tanto do subsolo coma da conca.
Máis información relativa a Medio natural